Biblioteca Franciscana - Provincia de Santiago

Novas e eventos

Novidades, conferencias...

Obra do mes de marzo 2024. El marino (1887), de Carmen Beceiro

titulo
El marino (1887), de Carmen Beceiro
Helena González Fernández
ADHUC-Universitat de Barcelona
 

As pegadas que levan á autora

Carmen Beceiro forma parte da lexión de escritoras galegas do século XIX sen retrato, sen biografía, sen lectura crítica, sen lugar na historiografía literaria (nin na galega nin na española). O seu nome, porén, repítese cando se convoca coma unha estadea aquela listaxe de académicas correspondentes que acompañaron, un paso por detrás, a fundación da Real Academia Galega: Emilia Pardo Bazán foi nomeada presidenta honoraria na reunión constituínte, e logo quince nomes máis aparecen como membros correspondentes, por orde alfabética, de creadoras e intelectuais comezando por Carmen Beceiro (BRAG n. 1: 2; n. 2: 26-27).

Aínda ben que aquela primeira corporación tivo a vontade de considerar o valor intelectual e creativo dalgunhas contemporáneas, se cadra seguindo o "espírito do momento", se cadra respondendo ás "obrigas" coas súas contemporáneas. O certo é que en 1906 corrían tempos dun furibundo sufraxismo que enchía as páxinas dos xornais e encirraba tirapuxas nas tertulias sobre a consecución dos "razoábeis" e inevitábeis dereitos para as mulleres. Tamén eran tempos en que os modos das feminist killjoy, para dicilo con Sara Ahmed (2010, cap. 2), daquelas feministas rabudiñas que atacaban por igual policías e museos, protagonizaban titulares e incomodaban os sectores feministas moderados, dialogantes. Aínda ben, digo, que a corporación sentiu o peso da súa contemporaneidade porque desde entón fomos repetindo ese rastro, o recoñecemento por parte da elite intelectual galeguista das creadoras e pensadoras, moitas delas aínda agora veladas e silenciadas. Porque o arquivo e o recoñecemento, cando carecen da transmisión e da revisión que lle cómpre a calquera legado, quedan fanados. Iso lle aconteceu a Carmen Beceiro no século XX: dela chegounos un neboeiro, non a información fiada.

Cuberta da segunda edición de El marino (1887).
Fonte: Biblioteca Franciscana Provincia de Santiago

Nas súas investigacións sobre as escritoras do XIX e o primeiro tercio do XX, Aurora Marco abriu rodeiras nesa poula (1993: 117-119; 2014, entre outros). Reuniu os datos que apuntan a unha biobibliografía posible de Carmen Beceiro, comentou a súa segunda novela, La bella aldeana (1889), e deu pistas certas que permiten pescudar de novo nas fontes para ir enchendo baleiros. Pero, sobre todo, abriu interrogantes, como o feito de que o seu primeiro texto coñecido, un folletín titulado El marino, Marco o citase a partir da segunda edición, igual que viñan facendo os repertorios bibliográficos nos que ela se basea.

Precisamente o fondo da Biblioteca Franciscana de Santiago de Compostela ofrece resposta a este interrogante e iso permítenos coñecer mellor os comezos literarios de Carmen Beceiro de Pato. Así, co apelido do seu segundo marido, asinou a súa obra, escrita só en español, como tantas coetáneas, desde un declarado posicionamento rexionalista compatible coa escrita de folletíns populares, un tipo de textos que, manténdose dentro do xénero, permiten ensaiar variacións e diverxencias miúdas que deitan luz sobre o proxecto literario e ideolóxico de Beceiro. Mais, ¿a que dá respostas o fondo da Biblioteca Franciscana de Santiago?  
 
El marino (1887), dúas edicións sucesivas

A primeira obra publicada que temos de Carmen Beceiro é o folletín El marino, publicado en Compostela pola imprenta de Jesús L. Alende en 1887. Os compendios bibliográficos veñen citando este título a partir da segunda edición, sen información ningunha sobre a primeira. Pois ben, na Biblioteca Franciscana de Santiago de Compostela consérvanse dúas edicións publicadas no mesmo ano, saídas da mesma imprenta, cun feitío semellante aínda que as cubertas son diferentes.

A primeira edición, o folleto exento El marino. Novela inédita (signatura M’7), aparece coa indicación Folletín de El eco literario, un xornal publicado en Santiago de Compostela do 15 agosto a decembro de 1887 (datación miña a partir de novas na prensa da época). O seu director foi Eduardo Pato Martínez, profesor de música, escritor, polemista e, naquela altura, segundo marido de Beceiro. Curiosamente o fascículo aparece sen autoría, cuns puntos suspensivos no lugar onde debería aparecer o nome. ¿Estratexia editorial para agochar a autoría feminina e evitar así un contrato de lectura marcado negativamente, como se se tratase dunha obra cativa por ter sido escrita por unha muller? ¿Ou ben é un lapsus nunha edición apresurada?
O caso é que a segunda edición leva por título El marino. Novela (signatura d-71), indica claramente que se trata da segunda edición, recoñece a autoría, non indica ningún vínculo con El eco literario e corrixe parcialmente erros da primeira. Pasa de fascículo a libro en poucos meses, como pouco foi o tempo de vida do xornal dirixido por Eduardo Pato.
    
                                                                                                           
Cuberta da primeira edición de El marino (1887).
Fonte: Biblioteca Franciscana Provincia de Santiago

Ademais, este exemplar da Biblioteca Franciscana leva o primeiro texto manuscrito que coñecemos de Beceiro, un autógrafo rubricado que di: "Al Sr. Director de El Eco Franciscano. La Autora".
                                                                                                                      
                                                                                                            
Autógrafo de Carmen Beceiro na 2ª edición de El marino.
Fonte: Biblioteca Franciscana Provincia de Santiago
 
Descoñecemos se antes Beceiro publicou con pseudónimo ou en prensa agora perdida, mais darse a coñecer como autora cun folletín demostra vontade de chegar a ser escritora profesional e cobrar polo seu traballo. Coñecendo, como propón María Xesús Lama (2017: 292 ss.), a complicidade que levou a Rosalía de Castro e a Manuel Murguía a actuaren xuntos como fábrica cultural, a faceren da escrita un traballo en parella,  resulta doado supor que Carmen Beceiro e mais Eduardo Pato nos seus primeiros tempos de matrimonio viron unha oportunidade laboral na conxunción do xornal que el dirixe e do folletín que ela escribe. En calquera caso, cos datos que agora temos, Beceiro irrompe na escena cultural cunha novela popular á procura dunha oportunidade para desenvolverse como escritora profesional, recibir recoñecemento literario e acadar a lóxica remuneración económica. A aposta era tan decidida como o seu carácter pois unha lectura atenta a toda a obra ofrece moitas evidencias do seu desexo de escrita, tan afirmativo e afouto que non precisou impostar a captatio benevolentiae para pór en valor os seus libros. Escribía sen acudir á humildade feminina, nin á xenealoxía, nin á autorización dun prólogo asinado por un nome sobranceiro das letras.
Entre outubro e novembro de 1887, ademais dos habituais acuses de recibo do libro na redacción dos diarios, aparece un anuncio nas páxinas de publicidade xeral, a publicidade que se paga, indicando as librerías onde se pode mercar El marino e o prezo.
 
                 EL MARINO
                 Novela de Carmen Beceiro de Pato. Se vende en Santiago, en la redacción de El Eco Literario, en la librería del Sr. Gali y en la de D. Bernardo Escribano, al precio de cinco reales.
                (Las Mariñas, 3/11/1987, p. [4])
 
En realidade, como se informa na contraportada da primeira edición, o prezo é de cinco reais para o público xeral e de catro para persoas subscritas a El eco literario. Hai vontade, logo, de favorecer as ventas. Nesa altura o libro recibe un previsible comentario misóxino no xornal ferrolán La monarquía, que atribúe a autoría da novela a Eduardo Pato. Reproduzo o breve completo:
 
                Dice El Lucense:
                "Hemos recibido un ejemplar de la novela El Marino, debida á la pluma de la señora doña Cármen Beceiro de Pato.
                Agradecemos la atención, y así que hayamos leido El Marino, emitiremos nuestro humilde juicio".
                Debe estar equivocado El Lucense: no debe ser el libro de la señora doña Cármen Beceiro de Pato, sino de don Eduardo Pato, esposo de dicha señora. (La monarquía, 13/10/1887)
 
¿Tan raro era unha muller escribir folletíns?
 
A terceira edición, de 1888, en Santander

O folletín tivo aínda unha terceira edición na forma convencional de entregábeis insertados no xornal para logo retallar e encadernar. O medio resulta sorprendente. Trátase de El correo de Cantabria: periódico de noticias, literario y de anuncios, xornal que se publicaba tres días por semana. Pois ben, entre o 3 de marzo e o 14 de maio de 1888 publica nas páxinas 3 e 4 as vinte entregas de El Marino, folletín impreso con nova cuberta e composición pola Imprenta de Sotero Roiz de Santander. 

                                                                                                                
Cuberta da terceira edición de El marino, publicada como folletín de El Correo de Cantabria (9/3/1888).
Fonte: CC BY 4.0 DEED Biblioteca Virtual de Prensa Histórica. Ministerio de Cultura y Deporte
 
Non dispomos de evidencias, nin indicios sequera, que permitan explicar como a novela chegou a ter unha terceira edición en Santander, nunha imprenta diferente, mais sabemos que as relacións entre os portos cantábricos era intensa debido ao tráfico de vapores, e tamén que Ferrol, a cidade onde naceu e viviu moitos anos Carmen Beceiro, era un destino militar importante, polo que pasaban o persoal da armada e as súas familias, o que abre un abano amplo de hipóteses. 
En traballos académicos en marcha ofrezo unha lectura de El marino e novos datos biobibliográficos que permiten esbozar o retrato dunha autora que non é excepción senón confirmación da lexión de escritoras que desde Galicia procuraron profesión na escrita e, sobre todo, que os seus textos fosen lidos por unha ampla maioría.
 
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

AHMED, Sara. The Promise of Happiness. Durham: Duke UP, 2010.
[BECEIRO, Carmen]. El marino. Novela inédita [1ª edición]. Santiago de Compostela: Imprenta de José L. Alende, Folletín de El eco literario, 1887. Fascículo.
BECEIRO, Carmen. El marino. Novela, 2ª edición. Santiago de Compostela: Imprenta de José L. Alende, 1887. Fascículo.
BECEIRO, Carmen. El marino [3ª edición], Folletín El Correo de Cantabria. Santander: Imprenta de Sotero Roiz, 9/3/1888 - 14/5/1888. Coleccionable.
BRAG n. 1= "Constitución de la Academia Gallega". Boletín de la Academia Gallega, A Coruña, ano I, n. 1, 20/05/1906, p. 1-2.
BRAG n. 2= "Académicos correspondientes". Boletín de la Academia Gallega, A Coruña, ano I, n. 2, 20/06/1906, p. 26-27.
LAMA, María Xesús. Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863). Vigo: Galaxia, 2017.
MARCO, Aurora. "Carmen Beceiro e a novela de folletín", As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (Galiza 1800-1936). A Coruña: La Voz de Galicia, 1993, p. 117-119.
MARCO, Aurora. "Beceiro de Pato, Carmen", Escritoras na Galicia do século XIX, ed. Carlos Andrés González Paz. Santiago de Compostela: CSIC, col. Cuadernos de Estudios Gallegos (Monografías), 13, 2014, 53-56.
 
PRENSA HISTÓRICA:
La monarquía.
Las Mariñas.
El correo de Cantabria.
 
FINANCIAMENTO
Esta investigación encádrase no proxecto "Género, imagen y materialidad en la cultura literaria de la modernidad, 1880s-1930s" (GIMA PID2022-137613NB-I00  MCIN/AEI/ 10.13039/501100011033 e no GRC Creació i pensament de les dones (2021 SGR 01097).
 
 
Provincia Franciscana de Santiago
Liceo Franciscano
Editorial El Eco Franciscano
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Copyright © 2018 Biblioteca Franciscana - Todos os dereitos reservados | Privado - Aviso legal - Política de privacidade - Cookies // Web realizada por Ikono.es

Ir arriba