Biblioteca Franciscana - Provincia de Santiago
A Biblioteca do Convento de San Francisco de Santiago naceu no século XIII á calor dos primeiros estudos teolóxicos. Desde os anos setenta do século XIII, comeza a adquirir unha importante cantidade de manuscritos e libros, sobre escritos teolóxicos, bíblicos, historia, artes e ciencias naturais. Segundo os estudos de Fr. José García Oro, xa desde 1286 a orde ten unha normativa bibliotecaria moi estrita. Os libros, desde a fundación da Orde, serían unha parte fundamental das comunidades e aos superiores dos conventos correspondíalles o aprovisionamento, custodia e restauración dos mesmos.

No século XVI os frades menores adoptaron o réxime da Observancia, o que provocou unha perda de protagonismo dos conventos e unha centralización da administración. San Francisco de Santiago como Colexio Teolóxico, tivo a obrigación de obter novos volumes e modernizar os seus fondos bibliográficos. Un traballo complexo e cheo de dificultades debido a que a orde practicaba a desapropiación total, tanto comunitaria, como individual. Para conseguir este obxectivo, os seus fondos nutríronse de donacions de bibliotecas enteiras así como da axuda das principais figuras culturais de Santiago. No século XVI, o quinto conde de Benavente Don Alonso Pimentel, asignou 500 ducados anuais que xunto cos estipendios das misas, dos cales destinábase 200 ducados, adquiríanse os libros para a biblioteca (García Oro, 1993) para que desta forma puidésense formar os frades da comunidade. Isto converteu a San Francisco de Santiago nun importante centro cultural e espiritual.
 
No século XVIII os franciscanos de Santiago retornaron ás aulas universitarias e ocuparon cátedras en diversas facultades. Isto provocou un repunte no coidado e adquisición de libros para a biblioteca. Os estudosos e superiores do convento Fr. Gabriel Arrocha, Fr. Francisco de Castro, Fr. Pedro Otero Mallón ou Fr. José Marín realizaron un labor fundamental no desenvolvemento da librería conventual de Santiago, colocándoa á cabeza das mellores bibliotecas de Galicia (Rodríguez Pazos, 1978). Durante ese século realizáronse melloras nas infraestruturas e coidouse que os libros dos profesores do convento pasasen a formar parte dela
A partir de 1633 xorde a figura do bibliotecario, debido á importancia que adquiriu este espazo na comunidade. Ata ese momento eran os gardiáns quen se facían responsables deste labor. Como explica Fr. José García Oro, no século XVIII, o "bibliotecario ten unha categoría específica que ben definida con precisión nas leis e revísteselle ademais de rango de oficial da Provincia. É presentado por cada superior local ao definitorio ou consello da Provincia que os institúe, unha vez comprobadas as súas calidades. Ten a obrigación de redactar inventarios dos libros, coidar e reparar os libros, tramitar os préstamos a particulares".

Ao longo do século XVIII inventariáronse os fondos documentais, seguindo os criterios do momento. Ordenábase por seccións representadas polas letras do alfabeto. Coa exclaustración de 1835, consecuencia da Desamortización de Mendizabal, rompéronse seis séculos e medio de experiencia libreira, que converteron a San Francisco de Santiago nunha das xoias documentais de Galicia. Un "tesouro que se puido recuperar trinta anos máis tarde coa restauración do convento en forma de Colexio de Misioneros de Terra Santa e Marrocos" (García Oro, 1993).
 
Tralos primeiros incertos anos trala exclaustración, a Biblioteca do Convento de San Francisco de Santiago foi acrecentando os seus fondos ata os nosos días. As donacions de frades e estudosos que forman parte da Orde, seguen sendo unha fonte fundamental. Tamén os procedentes doutros conventos. A finais do XVIII e comezos do século XX o Convento de San Francisco de Santiago viviu unha época dourada no plano cultural. É o momento no que comeza o seu labor erudito Fr. Atanasio López, un dos mellores historiadores do seu tempo e un auténtico cronista da historia franciscana. Foi o pai intelectual do historiador e americanista Fr. Lino Gómez Canedo, membro da Academia Americana da Historia con sé en Washington. Unha disciplina que cultivou Fr. Manuel Rodríguez Pazos, un dos directores da importante revista O Eco Franciscano. Esta revista fundada en 1884 por Fr. Juán Marquina, é o reflexo do auxe cultural que viviu a provincia Franciscana de Santiago, na que destacaban homes de letras como o literato e membro da Real Academia Galega Fr. Samuel Eiján ou o xurista Fr. José Campelo. Todos eles, autores dunha prolifera obra intelectual, e posuidores dunha extensa biblioteca que temos o honor de custodiar na actualidade.

Esta xeración foi substituída polos estudantes de teoloxía que enchían as aulas de San Francisco de Santiago na década dos 40 e 50. Eles fundaron a revista Liceo Franciscano. Produto desta incansable labor cultural que se desenvolveu desde finais do século XIX, beneficiáronse as bibliotecas dos conventos de toda a provincia. Nas últimas décadas do século XX, a incansable dedicación de Fr. José García Oro, Fr. Santiago Cepeda e Fr. Hipólito Barriguín, permitiu que a biblioteca de Santiago recuperase moitos tesouros documentais procedentes doutros conventos. Nos últimos anos, cunha clara vontade pedagóxica, divulgativa e comprometida coa cultura, os nosos fondos documentais están, e seguen sendo catalogados, con axuda da Xunta, para o seu uso e consulta. Porque temos o orgullo de contar cun dos fondos patrimoniais máis importantes de España, e de referencia no ámbito galego. Todo un tesouro para aqueles/as que queiran coñecer o legado cultural do franciscanismo en Galicia.
  • GARCÍA ORO, José, OFM. "A biblioteca de San Francisco de Santiago antes da exclaustración", en VV. AA., Homenaxe a Daria Vilariño, Santiago, USC, 1993, pp. 387 – 396.
  • RODRÍGUEZ PAZOS, Manuel, OFM. "As bibliotecas da Provincia de Santiago", Arquivo Ibero-Americano, Vol. XIV (1954), pp. 456-480.
  • CANTELAR RODRÍGUEZ, Francisco. "Catálogo de Incunables das Bibliotecas do Convento de Franciscanos e do Seminario Diocesano de Santiago", Cadernos de Historia da Teoloxía, O Eco Franciscano, Santiago, 1978.
 
 
Provincia Franciscana de Santiago
Liceo Franciscano
Editorial El Eco Franciscano
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Copyright © 2018 Biblioteca Franciscana - Todos os dereitos reservados | Privado - Aviso legal - Política de privacidade - Cookies // Web realizada por Ikono.es

Ir arriba